Resposta ao anuncio de cambios nas obras de recheo


Lemos a nova que o día de onte apareceu en relación co recheo de area nas praias da Coruña (xa sabemos que rexeneración é unha palabra máis elegante, pero para nada precisa neste caso) e a xente que estamos Defendendo as praias de novo sentimos estupor.
Desde o noso punto de vista, o proxecto nunca tivo o rigor preciso para unha decisión como a que tomaron. O cambio do que se fala na nova do sábado xa nos confirma aínda máis a falla de razón e lóxica. Que nun período de tempo de apenas dúas semanas, a empresa adxudicataria- Dragados- e as administracións teñan recortado o tempo de duración das obras de 14 meses a 3 meses resulta alomenos sorprendente. Despois de tanto tempo como deberían ter pasado a sopesar a mellor solución, seica en apenas 10 días deron atopado unha moito mellor e máis rápida.

Os cambios no plan inicial non aparecen explicados de xeito claro, senón de forma indeterminada, imprecisa, polo que non podemos facer unha crítica exhaustiva, pero si plantexar algunhas dúbidas:

– Que queren dicir con “acopio intermedio” (no canto de transporta-la en barco),que seica vai aforrar tanto tempo? (que quere dicir e que consecuencias vai ter? por que non se plantexara antes?).

– Cales son os “traballos pendentes” que se van tomar para despois de verán? Non é posible ser máis riguroso ao explicar como se vai desenvolver a obra?

– Por que decidiron deixar para máis adiante a obra de San Amaro?

Tampouco damos crédito aos cálculos de tempo. Dragados é a empresa adxudicataria da reparación do emisario de Bens- obra prioritaria para garantir a calidade da auga do mar na nosa cidade- e os prazos non fan máis que retrasarse. Xa hai tempo que tiña que estar rematada. No canto diso, retrasos continuos e o lixo segue a saír sen tratar.

Pola nosa banda, desde Defendendo as praias ratificamos a nosa posición respecto aos recheos. Para nós, a recarga de area é unha decisión innecesaria e inxustificada. Estas son as principais das nosas razóns:

– Porque, en primeiro lugar, nin no momento de crear o proxecto, nin agora, que se está a modificar, se tivo en conta a participación cidadá e a vontade da xente. Ninguén pediu esta obra.

– Porque a praia non perdeu area, como confirma o texto do proxecto e, polo tanto, non é preciso obrar.

– Porque os motivos que as administracións aduciron non resisten o sentido común (e para nada son motivos medioambientais, aínda que o proxecto sexa desenvolvido polo Ministerio de Medio Ambiente). Nin é verdade que faga falla espacio para 5000 bañistas máis, nin ten sentido cambiar toda unha praia para protexer un tramo dunha balaustrada (técnicamente deficiente) do paseo marítimo.

– Porque non hai ningún tipo de consideración e análise das consecuencias medioambientais, nin nas correntes, nin nos efectos que esta agresión vai ter (segundo o proxecto desta obra, paradóxicamente, foi a elección do tipo de area que se usou no recheo do 92 o que lle dá ás ondas a forza coa que arramplan coa barandilla).

– Porque se o recheo que finalizou no ano 92 xa se fixo sen ningún tipo de consideración e nos condenou a soportar unha area gorda e dura de canteira, non hai que afondar nas decisións erróneas.

Por estas e por outras razóns nós propoñemos ao ministerio a suspensión das obras para deste xeito contribuir en máis de 8’5 millóns ao recorte de gasto público que o goberno anunciou.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s


A %d blogueros les gusta esto: